Datos Xerais
O Concello de Lobeira está situado dentro da Baixa Limia, no suroeste da provincia de Ourense, na marxe dereita do río Limia. Conta cunha poboación de 1.010 habitantes e ten unha extensión de 68,9 km2.
Polo que se refire á súa altitude, vai desde os 400 metros de Cabaleiros ata os 1.300 metros que pode alcanzar na Serra de Leboreiro.
O territorio municipal abarca a conca do río Grou, que recolle augas nacidas na Serra do Leboreiro, e que desemboca no río Limia, que ademais recibe o aporte de numerosos regatos.
A súa situación no sector suroccidental da Serra do Leboreiro e a existencia de numerosos cursos de auga fan desta zona un lugar de interese paisaxístico, así como un entorno envexable para a pesca fluvial.
Esta sito a 8 quilómetros de Bande (partido xudicial ao que pertence), onde se sitúa unha das áreas recreativas máis importantes da zona (Motas e Viso).
A un quilómetro aproximadamente da capitalidade do municipio atópase o Monte do Viso, macizo dependente da Serra do Leboreiro, que se une no alto coas Motas, desde onde se divisa o Val do Limia, do Avedela e a Serra do Xurés, límite natural con Portugal.
Neste entorno atopamos a Ermida do Viso (a 852 metros de altitude), onde se celebra a romaría do mesmo nome, unha das máis importantes da zona. Esta ermida está sobre un castro, polo que se trataría dunha cristianización dos cultos antigos. Na ermida consérvase algún resto románico, así como un retablo do século XVIII. A imaxe da Virxe é do finais do século XIX, e soamente ten talladas a cara e as mans.