O Libro da Nosa Historia
Xa dende os remotos tempos do paleolítico, os seres humanos deixaron a súa pegada en Lobeira. O arqueólogo de Bande, don Celso Rodríguez Cao, atopou algúns materiais na zona de “A Veiga”, nunha paraxe case sempre cuberta polas augas do encoro de “As Conchas”.
As mámoas e dolmens salpican Lobeira e forman parte indiscutible da súa paisaxe. As primeiras referencias modernas acerca do megalítico en Lobeira atópanse na famosa obra de don Ramón Barros Sivelo, “Antigüedades de Galicia” (1875), na que cualifica o monte de “As Motas” como un inmenso crónlech. A pesares do interese mostrado por Florentino Cuevillas e outros arqueólogos da época, a necrópole non foi considerada como se merece. Unha necrópole que comeza nos arredores do pobo de A Fraga e que se estende polos montes de Bangueses-Verea, penetrando no territorio portugués, en Rodeiro-Castro Leboreiro.
A pesar de que non constitúen un tipo excesivamente elaborado de megalitos, os estudosos do tema sorpréndense polo elevadísimo número e as estrañas aliñacións que conforman, a veces soamente visibles desde o aire. O profesor Eguileta Franco, dedicou boa parte da súa carreira profesional ao estudo da Baixa Limia, e non soamente se limitou a unha exhaustiva descrición, senón que tentou unha interpretación e reconstrución do que era a vida cotiá hai 5.000 anos. Resaltou o significado territorial dos megalitos, facendo fincapé na súa localización á beira dos camiños, servindo como fitos fronteirizos e balizadores das diversas etnias.
Sinala así mesmo que nesa época fíxose a primeira alteración importante do medio natural, constituído ata entón por unha masa forestal case impenetrable, agora transformada en terras de cultivo pos sistema de queima, ou “estivada”, e a primeira estratificación social, como amosan a diversidade de enxovais atopados nos dolmens.
A destacar tamén o inmenso senso de sacralidade que impregnaba o mundo do megalítico, sen separacións entre o laboral, o lúdico, o profano e o sacro.
Aínda que o enxoval proporcionado sexa escaso, reducíndose apenas a uns anacos de cerámica e puntas de frecha conservados no Museo Arqueolóxico de Ourense, os buscadores de tesouros non puideron levar a arte rupestre que aínda se pode admirar na Serra de Leboreiro.
Tanto en Pena Franqueira como en Penafiel ou Pena das Sete Cruces, poden verse multitude de signos, entre os que predominan as formas cruciformes inscritas en círculos. As tres estacións son un claro exemplo da acendrada espiritualidade dos homes da época.
As referencias ás invasións célticas non faltan tampouco, como sucede en toda Galicia; abundantes testemuñas de Barros Silvelo, ata Cuevillas, non dubidan en afirmar que as montañas de Entrimo e Lobeira foron residencia habitual dos Oestrimnios, xa citados polos clásicos gregos e latinos, e dos Saefes, os seus antagonistas, os míticos adoradores de serpes, que acabarían por expulsar a aqueles do seu territorio.
Sexa ou non verdade, o certo é que as lendas en torno a homes encantados con forma de serpes que vivían no alto da Serra do Leboreiro, aínda circulan a día de hoxe entre os nosos maiores.
Sen perxuízo do valor etnográfico e folclórico destas narracións, o certo é que na actualidade prefírese a denominación de cultura castrexa ao período inmediatamente anterior á romanización, en detrimento de “celtismo”. Deste período atopamos os castros: A Coroa e a Xulleira en Santa Cristina; O Crasto, e A Fraga; Cota da Vila, en Lobeira; Crastelo, en San Xés; e Castelo de San Adrao, en Cabaleiros.
Os posibles asentamentos castrexos estarían localizados no monte de O Viso, en Lobeira, e O Veloso, entre Lobeira e Parada de Monte. Tal densidade de asentamentos castrexos, en relación coa poboación e a extensión territorial é difícil de atopar en toda Galicia.
A relativa importancia que na antigüidade tivo Lobeira non pasou desapercibida para conquistadores como Fenicios, Cartaxineses e Romanos. As fontes clásicas grecolatinas son pródigas en relatos acerca duns misteriosos pobos ao norte do Douro, nun reino paradisíaco pródigo no culto aos mortos.
Xa de moi antigo, contaban os gregos e fenicios que unha tribo asentada na beira do Guadalquivir, os Turdetanos, emigraran ao norte para atoparse cunha tribo “céltica” coa que estaban emparentados, os Kallaikoi (“montañeses”, na súa lingua), parece ser que ao cruzar o río Lethes (Limia), subleváronse e mataron ós seus xefes, arroxando as armas ao río, esquecendo a súa lingua e ata os seus nomes, e vivindo en paz nese paraíso natural, sen regresar xamais ás súas terras do sur.
Os romanos, no seu avance cara o norte, e moi supersticiosos, fixéronse eco desta lenda. Décimo Xunio Bruto, tras derrotar preto de Porto as hostes de Viriato, lánzase a exterminar ós Kallakoi, aliados de aquel. Ao chegar á beira do río Limia, ao norte da desembocadura de Olelas e Salas, é dicir, probablemente no actual municipio de Lobeira, os soldados, lembrando a lenda, quizais urdida e deformada polos comerciantes gregos e fenicios a fin de persuadir a posibles futuros conquistadores, impresionados pola vexetación e coas referencias que tiñan dos Kallaikoi, lonxe así mesmo das súas bases de aprovisionamento, e quizais sen recibir os seus salarios, negáronse a cruzar o “flumen oblivionis” (río do olvido).
Nun acto de valentía e desesperación, Bruto arrebata o estandarte ao alférez abandeirado, cruza o río e comeza a chamar un por un a todos os seus homes. Seguindo a Cuevillas, os Kallaikoi habitaban o val do río Fragoso-Aveleda polo que os romanos tiveron que remontar este río en Lobeira, para someter aos rebeldes castrexos, que preferiron a morte antes que someterse ao inimigo.
Da era romana non quedan demasiados vestixios, apenas unha ponte, “Ponte Pedriña”, nas Conchas, hoxe baixo o encoro, e uns catro ou cinco quilómetros da vía romana de Braga a Astorga, na parroquia de Santa Cruz e Santa Comba. É precisamente en Santa Comba onde se ergueu a poboación romana máis importante da zona, “Aquis Querquenis”, no Concello de Bande.
As invasións xermánicas son o período menos documentado, segundo o catedrático Elixo Rivas Quinta, os nomes de tres aldeas de Lobeira teñen orixe románica: Sabariz (Villa Sabaricii), Senderiz (Villa Sentarii) e Baldemir (Villa Baldemirii), non quedando claro que isto sexa realmente así.
A invasión arabe parece que non callou en Lobeira, véndose todo no convento xurídico bracarense moi pronto libre de visitantes, aínda que as consecuencias da despoboación ocasionada polas correrías do caudillo árabe Abd-el-Aziz tardaron un século en ser superadas. Só na época de San Rosendo, a mediados do século X, Lobeira recuperou os parámetros normais en demografía e importancia estratéxica.
Parece ser que os lobeirenses estaban máis ocupados en pelexar entre si que en prestar atención ós foráneos. Así, no ano 979, en plena rebelión dos nobres galegos contra Ramiro II e despois contra Bermudo II, reis galaico-leoneses, parece ser que houbo unha forte resistencia en terra de Lobeira e Castro Leboreiro. Desde a fortaleza de Santa Cruz cometéronse toda clase de atropelos contra as propiedades eclesiásticas, sobre todo as do Mosteiro de Celanova, señor feudal daqueles dominios.
Por isto, o rei Alfonso VII o emperador, vese obrigado a sufocar as rebelións e a confirmar mediante privilexios e coutos o dominio de Celanova sobre as terras de Lobeira, especialmente a serra do Leboreiro, que naquela época tiña unha grande riqueza gandeira. Deste xeito, aínda que os reis irán confirmando sucesivamente o dominio de Celanova sobre as riquezas do Leboreiro, Alfonso IX de León reserva para si o dominio directo de moitos municipios, entre eles o de Lobeira (en 1228), sobre todo porque se trata da localidade menos poboada, que se saiba, que foi aforada.
Aparte de Lobeira, soamente contan con foro as vilas da entidade de Allariz, Castro Caldelas, Ribadavia e a fortaleza de Milmanda. Parece ser que Don Alfonso buscaría refuxio en Castro Leboreiro, para fuxir da corte a causa das intrigas urdidas na súa contra e a favor do seu medio irmán don Sancho. Cando o rei se atopaba en Lobeira recibiu a vista de dous cabaleiros, que lle notificaron que a conxura fracasara, e o rei agradecido a Lobeira pola súa hospitalidade, regalou o foro á poboación.
O certo é que este foro, gardado hoxe no Museo, foi invocado en diversas ocasións polos habitantes de Lobeira, sobre todo en épocas de guerra, sendo a última confirmación coñecida a de Felipe V en 1709. En 1753 o Foro atopábase na Real Contaduría da súa Maxestade, pendente de aprobación, prórroga do referendo real. Aparte da correspondente á Xurisdición de Lobeira, redactouse na “Casa Grande dos Lamas” de Santabaia, na parroquia de San Vicente de Lobeira, belísima construción de antigüidade incalculable, actualmente de propiedade privada.
Seguindo coa historia, Lobeira, como enclave fronteirizo, sempre é vítima das guerras que enfrontan ó Reino de Castela co incipiente Ducado Portucalense, pronto convertido en reino. Constantes invasións dos exércitos de Don Afonsso Enríquez I de Portugal, sempre ambicioso das terras limianas e verinenses, que soamente moitos anos máis tarde quedarían definitivamente incorporadas á Coroa de Castela.
Debido a que o castelo de Araúxo, en Lobios, e o de Santa Cruz, en Lobeira, se mantiveron fieis á causa de Pedro I “O Cruel”, Entrimo e Lobeira foron doados, polo menos os territorios comprendidos nos foros reais, por Enrique II, o Trastámara, vencedor da contenda a Don Juan Rodríguez de Biedma, sendo este feito o embrión do futuro Condado de Monterrei.
As guerras irmandiñas tamén asolan Lobeira; consecuencia destas é a destrución do Castelo de Santa Cruz no século XV, aínda que non se poden atopar restos deste castelo que permitan asegurar que alí existía unha fortaleza.
O século XVII supón para Lobeira unha das etapas máis desgraciadas, desde a sublevación de Portugal ata a súa definitiva independencia, a prohibición de comerciar co país veciño, e as constantes invasións obrigan ós lobeirenses a invocar os privilexios concedidos por Alfonso IX. Así, a cambio de soster Lobeira o cuartel xeral das tropas españolas, o rei Felipe III non só confirma o antigo foro, senón que en 1608 concede a Lobeira unha exención total de pago de tributos da Coroa, que se fixara no seu día na cantidade de trescentos marabedís anuais.
En xuño de 1663 parte tropas desde Ourense en dirección a Lobeira, onde habían de quedar constituídas ás ordes de Don Baltasar de Rojas y Pantoja, para defenderse do exército portugués. Os portugueses foron expulsados, conquistándose o castelo de Lindoso, de onde son expulsadas as tropas españolas apenas uns meses despois. Cando parecía que a situación se ía canalizando, a guerra de Sucesión (1700-1713) asola de novo a nosa terra.
De novo as constantes loitas entre portugueses, esta vez apoiados por Inglaterra, e os españois, fan que a vida se volva insostible en Lobeira. En 1704, o Capitán Xeral do Reino de Galicia dispón que as tropas que estaban desde antano acuarteladas en Lobeira seguisen as flutuacións da fronteira, das que aínda hoxe quedan restos na raia con Portugal, as requisas das colleitas e as queimas das meses, obrigan de novo a invocar as vantaxes do seu foro. En 1711 a situación fíxose tan insostible para Lobeira que esta se resiste ó pago do último imposto esixido pola guerra, consistente esta vez nunha inmensa cantidade de forraxe para o gando, polo que o Alcalde da vila, así coma un escriban, son encarcerados.
Cando se confecciona o Catastro do Marqués de Ensenada, en resposta número dous do formulario reflíctese que o foro de Lobeira se atopa pendente da confirmación da Real Contaduría de Madrid, confirmación que aínda non foi atopada, sendo a última a de Felipe V en 1709. A mediados do século XVIII, dona Olga Gallego Domínguez, eminente medievalista e académica, sinala que unicamente cinco territorios ourensáns tiñan rango de Xurisdición Real ou Realengo: Ourense, O Bolo, Viana, Entrimo e Lobeira.
Os comezos do século XIX tampouco foron bos para Lobeira, a invasión napoleónica tivo nefastas consecuencias para Galicia. O noso pobo tivo un destacadísimo protagonismo nesa etapa, pois a Baixa Limia foi quizais o único enclave galego que quedou libre de invasores. Lobeira foi destino seguro para refuxiados de toda España, que fuxindo da invasión, constituíron a famosísima “Suprema Junta de Lobeira”, que ostentando os poderes delegados nela pola Suprema Xunta Central, formou un rexemento de elite de 2.100 homes, que tivo unha destacadísima actuación na expulsión dos franceses do noso solo. Como feito máis glorioso no seu haber, pódese sinalar o asedio e conquista de Vigo.
A Xunta foi presidida desde os seus primeiros momentos polo titular do bispado de Ourense, Doutor Quevedo e Quintano, sendo o delegado do poder central o Coronel García del Barrio. O chamado “Regimiento de Voluntarios de Lobeira” foi condecorado en diversas ocasións, e tivo grande importancia, anos despois, nas guerras de independencia das colonias de América. Un feito de enorme transcendencia histórica é que Lobeira ocupou, de facto e de iure, a capitalidade do Reino de Galicia durante uns días en 1809, pois foi o único enclave de Galicia que permaneceu libre da ocupación francesa, representando á Xunta Suprema Central de España tras a caída de A Coruña poucos días antes de constituírse.
Hai que sinalar un feito moi importante en Lobeira en 1836: A fusión dos antigos municipios de Lobeira, San Xes e Grou. A maior parte de municipio de Grou foi absorbido polo de Lobios, co que o de Lobeira, que en tempos de Alfonso IX chegaba ata Riocaldo, veríase moi reducido.
Durante o século XIX produciuse un acontecemento envolto de lenda: trátase da detención de José Benito Brandón y Elices, o “Exclaustrado de Diabelle”, famoso guerrilleiro carlista e antigo axente secreto ao servizo do reino de Portugal. O monxe-soldado, natural de Calvos de Randín, sería inmediatamente executado en Ourense, co que as revoltas carlistas na zona quedarían pronto sufocadas (segundo Méndez Ferrín). Este episodio supera o meramente histórico, pois supuxo o final definitivo do Antigo Réxime da nosa comarca, pois os privilexios que ostentaban as terras de Brandín e Baltar, así como a condición de Realengo de Lobeira e Entrimo, foron eliminados, comezando así estas terras unha decadencia da que aínda hoxe non se recuperaron.
A importancia de Lobeira quedaría reflectida en moitas obras históricas e múltiples referencias de eruditos e historiadores. Ramón Barros Silvelo, “Antigüidades de Galicia”, 1875; Benito Fernández Alonso, “Guerra Hispano-Lusitana” e “El Río Limia y sus contornos”; Xurxo e Xoaquín Lorenzo Fernández, “ O carro e o home”, que entrando en contacto co departamento de linguas románicas da Universidade de Hamburgo fan que o profesor Fritz Krüger publicase o libro “Die Nordwestiberische Volkskultur” (“O léxico rural do noroeste ibérico”); Carlos Velo, “Galicia-Finisterra”. Sempre baixo o patrocinio de Xoaquín Lorenzo, Florentino Cuevillas e outros eruditos da época, estudan o fenómeno megalítico e castrexo de Lobeira, publicándose estas conclusións tanto no Boletín da Real Academia Galega como na revista “Nós”.
Na actualidade destacan José María Eguileta Franco, cunha inxente labor catalogadora do fenómeno prehistórico, e Xoaquín Lorenzo, continuando a súa labor investigadora, publica multitude de artigos en revistas xermanas, españolas e portuguesas.