Actividades Económicas
SECTOR PRIMARIO
Destacar no referinte ao sector primario que a agricultura e o subsector forestal son as actividades máis relevantes, aínda que a gandería tamén é un sector a destacar, pero trátase na maioría dos casos de gando animal para autoconsumo familiar.
As terras dedicadas a labranza están na súa maior parte con matogueira, dedicándose á horticultura as terras máis próximas á poboación. Predominan o cultivo da pataca, col, tomate, allo, pemento, cebola, leituga e xudía; tamén se cultivan algúns cereais como o millo e o centeo.
As superficies dedicadas a prados non son tan importantes como noutras zonas da provincia, por non ser unha zona especialmente gandeira.
O clima permite unha grande variedade de cultivos como viñedos, cultivos hortícolas, etc. A produtividade potencial natural é elevada, sendo a produtividade real moito máis baixa debido as deficiencias da estrutura produtiva.
As explotacións son de carácter tradicional, observando unha excesiva parcelación, polo que os cultivos ó ser pequenos non permiten un bo aproveitamento do terreo. Estamos falando dunha agricultura minifundista.
A práctica totalidade das terras está en mans privadas, pero débese distinguir a propiedade privada individual, e a propiedade privada colectiva dos montes que están en sistema de man común.
Neste sistema, son propietarios todos os veciños residentes na zona e organizados en réxime de comunidade, segundo a Lei promulgada polo Parlamento Galego en 1989 e que os converte en bens indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables.
Lobeira ten 26 comunidades de montes correspondendo cada unha a cada un dos pobos que forman parte do municipio.
O monte e subsector forestal teñen unha grande importancia en Lobeira, aínda que non se atopa á altura das súas potencialidades, presentando síntomas de abandono, soamente algunhas comunidades de montes explotan o mesmo, empregando parte para crear pasteiros, para encerros de animais ou aproveitamentos madeireiros, apreciándose ademais que a repoboación non se fai en todos os montes coa mesma intensidade.
O incremento de superficies ocupadas por pinos e eucaliptos xera unha redución de especies autóctonas coma o carballo, que actualmente se tenta reparar mediante a plantación deste tipo de árbores.
Na zona de ribeira pódense atopar salgueiros ou ameneiros, así como acivros, especie tamén aproveitada para as áreas recreativas.
A matogueira baixa, alta e roqueda, e unha das formacións máis predominantes no municipio.
O desenvolvemento tecnolóxico aplicado á agricultura e practicamente inexistente.
A gandería vese favorecida pola abundancia de pasteiros e prados naturais, xunto co cultivo de diferentes forraxes.
Destacar a existencia de cabalos e vacas que se atopan na Serra de Leboreiro, todos eles de raza autóctona.
O gando porcino existe sobre todo en numerosas granxas para cría distribuídas por todo o municipio, dedicadas á venda, así como nas economías familiares dedicadas sobre todo ao autoconsumo.
O gando caprino atópase sobre todo nas zonas más próximas á Serra do Leboreiro, sobre todo nas localidades de Fraga e Taboazas.
Tamén se poden atopar explotacións de gando avícola.
SECTOR SECUNDARIO
Enténdese por sector secundario non soamente ao conxunto de actividades industriais en xeral, senón tamén ó subsector da construción.
Este sector no municipio presenta unha estrutura empresarial, con empresas de pequeno tamaño (sobre todo de carácter familiar), sen especialización clara en ningunha rama.
Nesta situación, boa parte da poboación do municipio ocupada no sector industrial traballa fora dos límites do mesmo, creándose un fluxo de persoas que cada día se desprazan ó seu lugar de traballo.
A rama que máis traballo xera, aínda a pesar da crise que atravesa o sector, segue sendo a construción, a nivel de pequenos traballos de reconstrución ou creación de vivenda unifamiliar.
Este sector crea sobre todo autoemprego, xa que case todos son autónomos, sendo a contratación por conta allea pouco importante neste sector.
Ao tratarse de empresas familiares é difícil definir o número de persoas empregadas nas mesmas.
O coñecemento do número de licenzas outorgadas permite aproximarnos á evolución do sector da construción, así como o desenvolvemento urbanístico; así neste ano as licenzas concedidas e xa pagadas fan un total de 12, correspondendo case todas a obras menores.
SECTOR TERCIARIO
A maior parte da poboación atópase traballando no sector servizos, aínda que moitos o fan fora do municipio.
Os postos ligados ao sector servizos dentro do Concello atópanse sobre todo no sector da hostalería, en forma de bares ou restaurantes que son negocios familiares.
Sinalar a existencia de servizos sanitarios especializados no pobo de As Conchas, aínda que se trata dun centro privado.
Os servizos de educación son inexistentes, ao verse obrigado a pechar o colexio público pola ausencia de nenos.
Por todo isto, podemos deducir que o sector terciario de Lobeira atópase moi pouco diversificado, con predominio dos establecementos comerciais de estrutura familiar. Ademais, o municipio carece dun centro económico que capitalice as actividades encadradas neste sector.
Os servizos podémolos clasificar do seguinte xeito:
-
Supermercados: 1 en Quintas.
-
Bares / Restaurantes: 3 en Quintas e Os Chaos.
-
Caixas de Aforros: 2 en Quintas e A Vila.
-
Bancos: 1 en As Conchas.
-
Taxi: 2 en A Vila
-
Ferraxaría: 1 en A Vila
-
Estanco: 1 en A Vila
-
Farmacia: 1 en Quintas.
O turismo en Lobeira carece de infraestruturas, aínda que ten un grande potencial, tendo en conta o seu patrimonio paisaxístico, etnográfico, de arquitectura relixiosa, así como pazos e monumentos megalíticos.