Patrimonio
ARQUITECTURA RELIXIOSA
IGREXA DE SAN MARTIÑO DE GROU (CABALEIROS)
De arquitectura sinxela, o acceso realízase mediante un arco de medio punto de grandes doelas. A espadana adquire monumentalidade, con corpo de dobres arcos, decoración avolutada nos extremos e escaleiras de acceso ao campanario. O interior non reviste especial interese, destacando as figuras de San Martiño, San Pedro e San Pablo, O Salvador e a Virxe Milagrosa.
IGREXA DE SANTA CRUZ DE GROU (SANTA CRUZ)
Consta dunha soa nave con cuberta de madeira. Destaca a súa fachada, delimitada por pilastras nos extremos e decorada con molduras apoiadas en ángulos e a espadana adquire certo desenvolvemento con corpo de campás, prolongada nos laterais con arco sobre piares. No seu interior destacan as imaxes de San Benito, A Piedade, San Xosé, San Sebastián, San Roque e San Antonio.
IGREXA DE SAN VICENTE (A VILA)
Igrexa dunha soa nave con bóveda de canón. O acceso ó presbiterio realízase a través dun arco triunfal de medio punto. A fachada principal resólvese cunha parte alintelada e espadana de dous corpos. Nun dos laterais aparece unha entrada realizada con arco de medio punto.
No interior, o seu retablo maior organízase en dúas alturas e ático, ámbolos dous con tres rúas para fornelas separadas por columnas corintias.
CAPELA DE SAN LOURENZO (AS QUINTAS)
Construída en 1728, desenvolve un pórtico con vertentes a tres augas, sustentado por columnas.
No interior, o altar, con columnas corintias e ornamentación de rocalla sobre fuste, acole na fornela central, tribulada, a imaxe de San Lourenzo (santo titular) e a ámbolos dous lados as de San Roque e San Francisco. No ático, imaxes góticas do Salvador e a Virxe co Neno.
IGREXA DE SAN XÉS (A CANLE)
Constitúe unha mostra destacada da arquitectura comarcal. A construción pertence ao barroco tardío, quedando constancia da súa construción en 1781.
O presbiterio destaca polas súas dimensións respecto á nave cuberta con bóveda de canón. A cabeceira do templo complétase cunha capela cuberta con bóveda de arestas e torre, a cal se decora nos extremos das súas caras con dobres pilastras, sendo o corpo superior máis reducido en tamaño e desacorde en proporcións, xa que, ademais, carece de remate. A fachada culmina no frontispicio con brasón e anagrama mariano. Por riba del, nunha fornela enmarcada, atópase a imaxe pétrea de San Xés.
Xa no interior, o retablo maior sobresae pola súa grandiosidade con dous corpos distribuídos en cinco rúas mediante columnas salomónicas e ático.
IGREXA DE SAN BARTOLOMEU (A FRAGA)
Modesto exemplar arquitectónico dunha soa nave, cuberta en forma de artesa e con arco de triunfo sobre pilastras de acceso ao presbiterio, ao que se pega a sancristía. Aos pés ábrese a portada, con arco de medio punto de grandes doelas. Remata con cornixa de ramplas oblicuas con escaleiras para acceder ao campanario, resolto este en forma de espadana dun arco rematada nunha cruz. No interior, retablo maior formado por un corpo distribuído por columnas corintias e ático.
IGREXA DE SANTA CRISTINA DE MONTELONGO (NOGUEIRA)
Construída en 1732, o máis característico desta igrexa é que se lle confire maior dimensión ao presbiterio que á nave. A fachada presenta sinxela porta alintelada. Remata con cornixa de liñas rotas nos extremos e recta no centro, servido de base á espadana, dun corpo e remate afrontado. No muro do evanxeo, escudo coas armas dos Feijóo e Sotelos. No interior destaca unha Piedade do século XVII.
IGREXA DE SANTA CRISTINA (PARADA DE MONTE)
Igrexa de planta rectangular, na que un arco de medio punto serve de paso entre a nave e a cabeceira. A fachada está enmarcada por pilastras nos extremos, interrompidas antes de alcanzar a cornixa. Os ángulos están moldurados e, no centro, unha fornela con forma de vieira recolle a imaxe pétrea de Santa Eufemia.
Os retablos, do barroco tardío, son unha boa mostra da notoriedade da igrexa na comarca.
CAPELA DE PARADA
CAPELA DE TABOAZAS
CAPELA DE SENDERIZ
CAPELA DE SABARIZ
CAPELA DE SAN MIGUEL (GAIÁS)
SANTUARIO DE NOSA SEÑORA DO VISO
Esta capela está situada no Monte do Viso, trátase dun macizo que pertence á Serra de Leboreiro, desde alí pódese ver unha boa parte da Baixa Limia.
A ermida está asentada a unha altitude de 852 metros, e segundo parece sobre a acrópole dun castro, polo que se trataría dunha cristianización de cultos antigos. Consérvase algún resto románico, así como un retablo do século XVIII. A imaxe é de finais do século XIX e é das de vestir; só ten talladas a cara e as mans.
Nesta capela a campá máis pequena data de 1860, e nela atópase escrita a frase “Mírame e deixame”.
O santuario constitúe un dos poucos expoñentes do románico tardío da comarca. A fábrica presenta planta rectangular e ábsida con capela e sancristía pegadas. No interior, arco de medio punto sobre columnas adosadas, con capiteis de motivos vexetais e imposta decorando o arco triunfal. A base da ventá prolóngase ao exterior con repisa, transformándose en fornela. A sancristía constrúese no ano 1717, como indica unha inscrición; é de dúas plantas, con ventá ata o interior, servindo de tribuna ó clero.
A portada do muro é románica, con arco de medio punto e grandes doelas con bolas no intradorso. Nunha das xambas mostra a inscrición “ERA MCCCXL”, correspondendo ós anos 1300 e 1309, na que debeu construírse o santuario. A fachada actual sufriu unha reedificación no ano 1741, labrándose conforma á moda barroca unha porta alintelada, resaltada con orelleiras, e fornela coa imaxe pétrea de Nosa Señora, coroada por anxos.
Dentro da capela atópanse dous retablos, un da Virxe do Viso e outro do Santo Cristo.
En torno a este Santuario festéxase a romaría máis importante da zona, o domingo de Pentecoste o “Viso Grande”, e o 8 de setembro o “Viso Pequeno”.
A destrución total dos arquivos municipais privounos de moita información, se ben, grazas á investigación de Xoaquín Lorenzo Fernández, podemos facer un resumo dos datos máis significativos.
A referencia documental máis antiga é do 29 de agosto de 1658, o Licenciado Francisco Araújo Vasconcelos, abade de San Salvador de Cabreiroá, cumpre o encargo feito polo Licenciado Tomás de Sousa, abade de Lobeira, a súa irmá Dominga Fernández, veciños os tres de As Quintas (Lobeira), de fundar unha Capelanía colativa en Nosa Señora do Viso, dotándoa cos bens que para iso aportan e coa obriga dunha misa semanal no Altar Maior e un responso polas súas almas.
A súa especial situación na Serra do Leboreiro levouna ó longo da súa historia a dous xuízos pola súa propiedade, o primeiro no ano 1693, na que os párrocos de Santa Comba (Bande), Don Pedro Álvarez e o de San Vicente (Lobeira), Don Pedro Andrés de Biempica, disputáronse os dereitos sobre o santuario. Despois do xuízo, en 1695, ditouse sentenza na que consta que o santuario debe ser mixto entre Lobeira e Santa Comba: “Fallamos atento á escritura de compromiso que esta por cabeza destes autos e a vista dos ollos e máis informes e dilixencias extraxudiciais, recoñecemento dos marcos e declaracións de homes nomeados por entrámbolas partes que debemos declarar e declaramos das ditas freguesías confinan unha coa outra e pola verea que ven de Coruxeira... do cal declaramos que a Hermida de Nosa Señora do Viso co seu acho, foi, é e debe ser mixta de entrambos abades de Lobeira e Santa Comba...”.
A forte devoción á Nosa Señora do Viso fixo nacer unha irmandade “Irmáns de Venerable e antiquísima cofraría da Nosa Señora do Viso”, os primeiros documentos que nos falan desta confraría son xa de 1788, nun escrito enviado ó Bispo de Ourense.
Non existen libros de constitución, confrades, obras, contas, etc. da confraría, se ben por outros documentos aos que fai referencia Xoaquín Lourenzo, sabemos que a Irmandade estaba rexida polos seguintes cargos: un xuíz, que presidía as reunións, catro rexedores, dous sacerdotes, dous leigos, un depositario, un caixeiro e un fiscal, que podía ser ao mesmo tempo xuíz e no que recaía as veces o cargo de mordomo ou sancristán.
O mordomo custodiaba as chaves do Santuario e era o encargado da súa conservación e limpeza. Os dous sacerdotes eran capeláns da Irmandade. A irmandade encargábase de administrar, rexer e organizar as dúas festas e os cultos, e estaban obrigados a asistir todos irmáns dela a excepción dos que estivesen impedidos.
A sentencia de 1695, ao deixar o Santuario en réxime de propiedade mixta, fai que ningún párroco se interese por el. E a Irmandade aproveita entón para intentar independizarse da autoridade parroquial.
O 15 de xuño de 1788 a Irmandade pretende realizar unha procesión desde o Santuario ata Santa Cruz de Grou, á que o párroco de Lobeira se opón comezando entón o segundo xuízo.
O 12 de xuño de 1788, o Bispado prohibe a celebración ese ano de ningunha procesión nin novena, evitando así a disputa entre parroquias.
O 27 de xuño do mesmo ano a Irmandade envía unha instancia ó Bispo alegando que “sempre disfrutaron da independencia rendendo os seus cultos á Virxe conforme les dictaba a súa devoción e sancandoa procesión é rogativa polas paraxes que lles parecía segundo o esixían as necesidades e que os abades non tiñan intervido en ningún momento nos asuntos do Santuario”.
Nunca si ditou sentenza deste xuízo, se ben o párroco de Santa Cruz de Grou non quixo intervir, e o de Santa Comba renunciou aos seus dereitos en favor do de Lobeira, o que provocou que o párroco de Lobeira impuxese a súa autoridade sobre a Irmandade.
Isto fixo que as reunións se convertesen en continuas disputas, provocando a desaparición da Irmandade.
PETOS DE ÁNIMAS
PETO DE ÁNIMAS DE A VILA
O Peto de Ánimas de Vila ten a particularidade de ter un cruceiro detrás. A unión das dúas construcións é pouco común, cando se trata como é o caso dun Peto de Ánimas con pórtico.
A severidade da construción obsérvase nas súas liñas rectas; está composto dun corpo definido xeometricamente a base de pedra de perpiaño ben galgado, e na fronte fornela sobre repisa de cuarto bocel. O corpo principal é un pórtico cuberto por tellado de dobre vertente.
O pórtico aparece lixeiramente rebaixado en altura e apoia en piares cuadrangulares con arestas en chafán, sobre pedestais.
PETO DE ÁNIMAS DE SENDERIZ
Un peto moi orixinal neste senso é o que atopamos en Senderiz, combina figuras das ánimas en relevo co debuxo dunha cruz e unha figura, que posiblemente se trate dun anxo.
Todo isto está sobre fondo vermello.
PETO DE ÁNIMAS DE PARADA
PETO DE ÁNIMAS DE A CANLE
CRUCEIROS
CRUCEIRO DO VISO
CRUCEIRO E PETO DE ÁNIMAS DA VILA